Benvido a EGU - Enciclopedia Galega Universal

Aínda non se creou contido para a páxina principal.

Conquista, ducado da

Título do Reino de Nápoles concedido no 1735 a Pedro de Castro Salazar e Figueroa; o 6 de novembro de 1846 converteuse en título de Castela. Leva as armas dos Castero, coa coroa e manto de Grande de España.

Máis >
Coriolis, Gaspar Gustave de

Físico. Estudiou o problema da descrición dos movementos dende sistemas de referencia xiratorios e descubriu a aceleración complementaria que leva o seu nome. Contribuíu a establecer unha terminoloxía precisa para a mecánica, ao darlle unha significación clara a termos como traballo e forza viva. Publicou diversas obras, como Du calcul de l’effet des machines (Sobre o cálculo do efecto das máquinas, 1829) ou Traité de la mécanique des corps solides et du calcul de l’effet des machines (Tratado da mecánica dos corpos sólidos e do cálculo do efecto das máquinas, 1844).

Máis >
Relang, Regina

Fotógrafa. De nome Regina Lang, estudou pintura en Stuttgart, Berlín e París, aínda que logo se decantou pola fotografía, influída pola súa irmá. Das súas viaxes polo S de Europa (1934-1939) saíron numerosas series fotográficas pero, de volta a Alemaña, dedicouse á fotografía de moda. Traballou para Vogue (1938), Die Dame (1940-1942) e Madame (1956). Instalada en Múnic (1948), publicou Dreißig Jahre Made Paris (1982), Dreißig Jahre Made Italien (1983) e Faszination Hüte (1985).

Máis >
Ernesto Augusto I de Hannover

Rei de Hannover (1837-1851), fillo de Xurxo III de Inglaterra e de Hannover. Á morte do seu irmán Guillerme IV de Inglaterra e de Hannover, herdou este último reino. Hostil ás ideas liberais, aboliu a Constitución de 1833 e promulgou outra moito máis autoritaria. Por temor á expansión revolucionaria, en 1848 consentiu algunhas reformas que anulou pouco despois.

Máis >
Silva Neto, Serafim da

Filólogo brasileiro. Profesor da Universidade do Brasil e da Universidade Católica de Rio de Janeiro, traballou sobre o latín vulgar (História do latim vulgar, 1957), o portugués (Manual de filologia portuguesa, 1952; História da língua portuguesa, 1952-1957; e Textos medievais portugueses e seus problemas, 1956), especialmente sobre o portugués de Brasil (Introdução ao estudo da língua portuguesa no Brasil, 1952), e edicións de textos (Diálogos de São Gregório, 1950, e Bíblia medieval portuguesa, 1958). Fundou e dirixiu a Revista Brasileira de Filologia.

Máis >
Penedos Rubios

Monte situado na parroquia de Río Caldo (Lobios). O seu cumio acada os 1.100 m de altitude.

Máis >
Fernández Pérez, Luís

Debuxante e profesor, irmán de Xoán Fernández Pérez. Coñecido tamén como Xesta, foi profesor de debuxo lineal, de figura e adorno, modelado e baleirado en varios centros educativos ourensáns. En 1931 foi nomeado director da Escola de Artes e Oficios de Ourense e no 1936 foi destituído dos seus cargos. Despois de ser rehabilitado, volveu exercer a docencia no Seminario Conciliar, na Escola de Comercio e na Escola de Formación Profesional. Destacou como retratista.

Máis >
Tongjosŏn, golfo de ou golfo de Corea

Golfo da costa oriental de República Democrática Popular de Corea, aberto ao mar de Xapón e situado entre os portos de Hŭngnam e Wŏnsan.

Máis >
Bellreguard

Municipio da provincia de València, Comunitat Valenciana, na chaira aluvial da comarca de La Safor, á dereita do río de Alcoi (3.764 h [1996]). O termo está aberto ao mar a través da praia de Bellreguard. O regadío ocupa a maior parte do término e dedícase sobre todo ás árbores froiteiras (laranxeiras). A poboación, que coñecera un incremento desde 1960, comezou a minguar a partir da década de 1980. A vila, de orixe islámica, sitúase á beira da estrada de València a Alacant. Foi adquirido polo duque de Gandía Pere Lluís de Borja (1485). No s XVII foi un importante centro azucreiro.

Máis >
Chemnitz

Cidade do land de Saxonia, Alemaña, situada ao pé da vertente setentrional das montañas Metalíferas, preto do río Chemnitz (259.126 h [1998]). É un núcleo industrial que aproveita as cuncas próximas de hulla e de lignito.

Máis >
Loading