O Deutsches Afrika Korps (pronunciación en alemán(axuda·info)) era unha forza militar alemá enviada ao norte de África en 1941 como apoio das tropas italianas que estaban sendo derrotadas polos ingleses durante a segunda guerra mundial. O seu comandante era o Mariscal de campo Erwin Rommel, coñecido como o Raposo do deserto.
Avance da 39ª sección Panzerjäger pertencente ao Afrika Korps, 1942.
A invasión de Grecia debilitara tamén a posición británica no norte de África. En febreiro de 1941, Hitler enviou en apoio aos italianos ao recentemente formado Afrika Korps, baixo as ordes do tenente xeneral Erwin Rommel.
A finais de marzo, o Afrika Korps atacou as desguarnecidas tropas británicas de Cirenaica. A audacia de Rommel e a súa valiosa experiencia na utilización dos tanques, adquirida en Francia o ano anterior, sorprendeu completamente ás tropas de Wavell. A mediados de abril, os alemáns alcanzaron a fronteira de Exipto, capturaron ao xeneral O'Connor e illaron o porto de Tobruk, onde unha gornición australiana tratou de aguantar a súa posición.
Wavell pediu urxentemente reforzos e en maio creu estar en condicións de emprender un contraataque. A pesar do éxito inicial, resultou un fracaso. En xuño tratou de endereitar unha nova ofensiva, que tampouco fraguou. En xullo, Wavell foi relevado e tomou o mando o xeneral sir Claude Auchinleck. Durante os seis meses seguintes, Auchinleck concentrou e organizou as súas tropas británicas e da Commonwealth no norte de África, e comezou a preparar unha campaña cuxo obxectivo era liberar Tobruk e recuperar Cirenaica. Tras un intento errado en novembro de romper o cerco de Tobruk, as tropas de Auchinleck conseguiron, con todo, o seu obxectivo o 10 de decembro. Liberada a praza, os ingleses proseguiron ata a cidade de Bengasi, que ocuparon o 24 do mesmo mes. Pero o éxito de Inglaterra foi transitorio.
O 21 de xaneiro de 1942, Rommel volveu ao ataque e o 28 as forzas de Auchinleck replegáronse ao oeste de Tobruk. Tras un período de calma de case catro meses, Rommel renovou a ofensiva o 27 de maio. A finais de xuño, o Afrika Korps achábase próximo a El Alamein, cidade que apenas distaba 90 km de Alexandría e do Delta do Nilo. A partir dese momento, a sorte volveu as costas a Rommel e aos seus homes, quen empezaron a sufrir problemas de abastecemento. O 16 de xuño, un convoi angloestadounidense chegou a Malta e puxo fin aos ataques aéreos nazis sobre a illa. A finais de mes, os aliados comezaron desde a illa unha ofensiva contra os convois de aprovisionamento do Eixo que se dirixían ao norte de África. A mediados de xullo, só un barco de cada catro chegaba ao seu destino. As tropas de Auchinleck lograron conservar as súas posicións e o 10 de xullo iniciaron unha serie de pequenos contraataques. A finais de xullo, ambos os contendentes achábanse demasiado esgotados para continuar o combate, e Auchinleck suspendeu a ofensiva.
En agosto, Auchinleck foi substituído como comandante en xefe polo xeneral Harold Alexander, e o tenente xeneralBernard Law Montgomery tomou o mando en calidade de xefe de operacións das forzas do Deserto Occidental, que en diante comezaron a chamarse o VIII Exército ou Ratas do Deserto. Alexander reorganizou a liña de defensa británica e ordenou aos seus homes que se mantivesen nas súas posicións. O 31 de agosto, Rommel renovou o ataque a El Alamein, pero non logrou rexeitar aos británicos. O 2 de setembro 'O Raposo do deserto', como xa se coñecía a Rommel nos dous bandos, comezou a retirar as súas tropas e a dar ordes de que se mantivesen á defensiva. A finais de mes enfermou e tivo que volver a Alemaña.