Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Foley, chamado así polo artista de efectos sonoros Jack Foley, é a reprodución de efectos de son cotiáns que se engaden a filmes, vídeos e outros medios durante a posprodución para mellorar a calidade sonora.[1] Estes son poden ser de calquera tipo, dende o rozamento da roupa ou as pegadas dos pés ata portas que renxen e cristais que rompen. A mellor arte de foley está tan ben integrada nun filme que o público non se decata dela.[2] Axuda a crear sentido de realidade nunha escena, e sen estes sons de fondo, os filmes sentiríanse contranaturalmente silenciosos e incómodos.
Os artistas de foley recrean os son de ambiente que o filme retrata. En ocasións os decorados ou obxectos dun filme non reaccionan acusticamente do mesmo xeito que o fan os reais[2] e os sons de fondo empréganse para mellorar a experiencia do filme. Tamén se pode empregar foley para cubrir sons non desexados gravados durante a rodaxe, como avións ou tráfico pasando.[2]